Tuesday 21 de May de 2024

Román Rodríguez destaca na súa reunión con Inés Rey que ‘Xacobeo Cidades’ chegará á Coruña a partir do mes de marzo


O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo un encontro coa alcaldesa da Coruña para informar dos plans para a cidade no marco do Xacobeo 2021
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para informarlle sobre a planificación do programa Xacobeo Cidades que chegará as principais cidades de Galicia e no que está previsto que participen máis de 300.000 persoas. Trátase dun plan que se levará a cabo entre os meses de marzo e setembro e que sigue a folla de ruta marcada no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, fomentando a descentralización e levando ata a cidade herculina esta celebración.

Xacobeo Cidades, tal e como precisou o titular de Cultura e Turismo, permitirá aproveitar o Xacobeo 2021 para crear na cidade da Coruña “marcos de programación innovadores e destacar o talento, patrimonio e recursos turísticos da cidade”. Nesta liña, estase a deseñar un programa coa finalidade de impulsar as actividades artísticas, creativas e culturais que se producen na cidade e que, ao mesmo tempo, permita difundir os valores asociados ao Camiño e ao fenómeno Xacobeo.

No transcurso da reunión, a primeira que se celebra para coordinar o programa nas distintas cidades, Román Rodríguez e a alcaldesa da Coruña abordaron os piares básicos para desenvolver unha programación de impacto desde o ámbito xacobeo e acordaron as colaboracións necesarias por parte do Concello e do Goberno autonómico que permitan executar este programa.

O conselleiro de Cultura e Turismo tamén aproveitou o encontro para destacar que a cidade da Coruña ocupa un lugar destacado dentro do panorama xacobeo, pois é unha das dúas cidades nas que comeza o Camiño Inglés, un trazado que no 2019 foi percorrido por preto de 16.000 persoas. Esta cifra supón un crecemento de case 5 puntos porcentuais en relación ao pasado ano.

Talento local e cultura de base
Esta iniciativa, que forma parte da programación da Xunta de Galicia para o Xacobeo 2021, está estruturada en torno a dez programas marcos deseñados baixo os criterios de sustentabilidade. Entre estas actividades destaca un concerto central; o festival A Coruña Emerxe, dirixido a potenciar o talento local e a presenza na escena cultural de grupos e artistas emerxentes; unha gran exposición e un evento de cultura tradicional no que participarán grupos de raíz.

No eido cultural, levarase a cabo unha acción dialogada coas entidades culturais de base que busque a súa implicación no contexto global da programación, un ciclo de outras músicas, o concerto A Coruña Importa, que atraerá a Galicia talento internacional e diferentes actividades escénicas de rúa.

O público xuvenil tamén contará cunha programación específica e, dentro do ámbito turístico, promocionarase a cidade da Coruña como destino para congresos, feiras e conferencias.

Máis de 7 millóns de participantes
A celebración do vindeiro Xacobeo será o acontecemento cultural e turístico máis importante de Europa no ano 2021 e unha importante oportunidade para todos os sectores sociais da Comunidade galega. Co obxectivo de asumir o importante reto que supón, a Xunta de Galicia presentou en decembro o avance da programación do Xacobeo, un calendario de actividades que chegará a toda a xeografía galega e que se estenderá por máis de 700 días. En total son máis de 7.000 iniciativas nas que está previsto que participen máis de sete millóns de persoas. “Trátase dunha planificación completa e minuciosa, que dará lugar a un gran Xacobeo e deixará unha Galicia máis e mellor preparada para o futuro”, sinalou Román Rodríguez.